viernes, 15 de enero de 2010

O "CASINO" DE COUSO




Xa dende pequeno gustáronme os sitios altos, os sitios elevados. Sempre me pareceu que dende a altitude podíanse mirar as “cousas da vida”, con mais perspectiva, ou cando menos cunha perspectiva distinta a que se logra ter cando “o bosque non deixa miralas árbores”. Os sitios altos sempre foron, para min, lugares onde me gustaba ir reflexionar sobre os meus asuntos ou, simplemente coma di un dos nosos veciños,….. “¡¡ a ver voalo tempo, tal e como facía o neno pequeno da aldea¡¡” (“Faro (Pepe) dixit”).

Son lugares sufridos, xa que están expostos os avatares da metereoloxía. Os montes de Guláns, Picoña, Cans,…, son o segundo obstáculo que teñen que superar as borrascas, que dende o mar entran na península, para chegar a nosa parroquia, xa suavizadas pola primeira barreira, os montes da serra do Galiñeiro.

Nos cumios dos montes é onde a chuvia arremete con mais forza. Deixando a súa pegada, nos seus camiños e ladeiras, a modo de regos, que asemellan as enrrugas que deixa o paso da vida na cara dun ancián. Gústame moito, en días de temporal, subir o monte e mirar coma os eucaliptos retórcense sobre o seu eixo combatindo e facendo frente o forte vento. A elasticidade que lle confire a súa madeira, mais a resistencia que poñen as súas raices a ser arrancadas do lugar onde se criaron ( a semellanza de cómo facían as nosas nais cando dos seus brazos lles arrebataban os seús fillos para ir a guerra) fan que moitos deles saian victorios das cruentas batallas que a natureza, nos duros invernos, lles presenta. Sempre, e como en todalas batallas, hai algunha baixa. Estas “baixas” (as árbores caidas) eran aproveitadas polos veciños coma madeira para as súas cociñas…..ata de “mortos” cumprían a súa función…………..hoxe, seica, xa non cumpren tal función.

O barrio mais alto da parroquia de Guláns é Couso. Está situado a uns, aproximadamente, 300 metros de altitude. A pesar diso situase nun val, xa que está rodeado de cumios polos seus catro ventos. É o que mais distanciado físicamente se encontra de calquera outro barrio da parroquia ( o que mais preto está, por estrada, é o barrio do Outeiro de Foxo). Quero pensar que o único distanciamento que hai, entre este e os outros barrios de Guláns, é solo o físico ( kilómetros )..…… de haber outro tipo de distanciamento sería algo que nunca entendería.



Ese distanciamento (físico) cos outros barrios da parroquia e coas parroquias doutros concellos (Cans, Picoña, Xinzo….,) podería facernos supor que é un lugar aillado……….., para min, nada mais lonxe da realidade.

Sin ter ningún rigor científico no que vos vou dicir, creo que estas características que antes mencionaba (a altitude, o distanciamento físico mais esa posible sensación de aillamento ) puideron e poden inflluir na formación dese carácter especial, que creo, ten a xente de Couso.

Couso non é un barrio calquera ( miña intención no é menospreciar a ningún dos outros barrios da parroquia….¡¡¡¡eu non son de Couso¡¡¡ ). Os seus veciños preocupáronse de ter iniciativas que evitaran ese posible aillamento para convertilo nun barrio mui dinámico e con moitas actividades. Crearon asociacións para obter unha mellor calidade de vida (tanto cultural, social, de servicios,…,). Teñen a Asociación de veciños “A Malladoura” (creada recientemente; ningún outro barrio de Guláns a ten), teñen Comunidade de Monte propia e dende xa hai uns anos teñen a “Asociación Cultural San Martiño de Couso”.



Isto, sin deixar de ser nin bo nin malo, é un síntoma evidente de que nese barrio hai xente con iniciativa e que se sente identificada co seu lugar de nacemento ou có sitio que os acolleu para vivir.

Das moitas iniciativas que os directivos da Asociación Cultural San Martiño tiveron nestes últimos anos poderíase falar moito. Hoxe, e dunha maneira sinxela, vou facer referencia a unha delas, tempo haberá de falar doutras moitas.

Segundo me contan (http://www.cousodegulans.es/ ) “o Casino” é un lugar de Couso onde os homes e mulleres deste barrio da parroquia de Guláns pasaban as súas tardes de domingos e os seus momentos libres para “entablar amistade”,…para enredar,…para facelas veiras,….mais para “mirar” voalo tempo. Tódolos barrios e parroquias tiñan o seu lugar de xuntanza. O Casino era o punto de reunión dos veciños de Couso de hai uns anos atrás.

Pois tal e como vos dicía, a iniciativa desta xente creouse, dende xa hai uns anos, a revista “O Casino”. Como todos vos suporedes, o seu nome fai referencia aquel lugar de reunión. Unha pequena homenaxe a outros tempos pasados. Esta revista publícase trimestralmente e de forma periódica. Nela dunha maneira sinxela pero con moita pulcritude e exactitude fanse referencia as actividades que se van realizar no Centro. Outras seccións desta revista adícanse a publicar contos, referencias etnográfícas, receitas de cociña,…., escritos feitos por algún dos veciños do barrio.

Dende logo, e recomendollo a todo aquel que non ó fixera que o faga, paga a pena pararse a mirar esta “revista”.

Por último dicir, segundo me contan as miñas fontes, que este ano cúmprense o cincuenta aniversario da chegada da electricidade a Couso….. neste último número que acaban de publicar faise referencia, por un dos seus veciños, a data tan sinalada.

¡¡¡¡ A min sempre me gustaron os sitios altos…, a min sempre me gustou Couso e maila súa xente. ¡¡¡¡.

Garganta Profunda

domingo, 10 de enero de 2010

A NEVE CHEGA A GULÁNS



A mañá amanceu cun ceo gris, temperaturas de baixo cero e o tempo seco. Polas chimeneas das casas saía un fumo negro ou branco, producto da queima da leña nas cociñas e caldeiras ou da combustión do gasoil. É o modo de combatilo frío que actualmente temos nos nosos fogares. Moi pronto, polo que din os entendidos na materia, estes materias serán sustituidos por outro tipo de enerxía; a enerxía xeotérmica ( basease no aproveitamento da calor interior da terra). Seguramente sobre moitas desas cociñas de ferro as nosas mulleres, as nosas nais e algún que outro dos nosos homes estarían a preparar un bo cocido para dar conta del na hora do xantar.

Parecía un domingo calquera na parroquia. As campás da igrexa chamaban os veciños para iniciar a ceremonia dos domingos. Algún que outro coche circulaba polas estradas. Algúns veciños (cecais menos dos que moitos de nos desexáramos) atopábanse tomando un café para quentalo corpo, ou un vermut, ou unha copiña de augardente…cadaquén quenta o corpo como lle peta, na cafetería da Cultural ( o de cantina xa se lle queda pequeno) ou no Cocho do Rio (o contrario do que nalgún “sitio” teño escoitado, son dos que penso que cantos mais negocios haxa na parroquia mellor que mellor).

Ben, tal e como vos dicía parecía un domingo normal pero acontecería algo que o ía convertir en especial.

Mentras daba conta dun deses cocidos que antes vos contaba vía, tralos cristais húmidos da nosa cociña, como escomenzaba a nevar. Un acontecemento pouco habitual na nosa parroquia. Creo que iso, que sexa pouco habitual, fixo que interrumpíramos o noso xantar para sair o balcón e poder apreciar dende mais cerca o capricho da natureza. Tampouco foi moito o que alí afora estivemos….¡¡¡ facía un frío de moito carallo¡¡¡¡.

As folerpas non caían con moita intensidade, mais ben parecía que non querían molestar e cáseque pasar desapercibidas, e non chegaron callar. Supoño que non faría o frío suficiente para que isto ocurrira, pero estaba seguro de que o punto mais alto da nosa parroquia seguro que presentaba unha estampa digna de ser visitada.

¡¡ Non se me ocurriu a min so ¡¡. Tanto no camiño de subida como no de baixada cruceime con mais dun veciño que tivera a mesma idea.

Mirar imaxes tan habituais para nos como as da capela de San Cibrán ou a do seu penedo cubertos cun manto branco facía daquel momento algo especial.

Para aqueles que non tivestes a oportunidade de subir ó monte, aquí vos deixo unhas fotos para que disfrutedes dunha imaxe pouco habitual dun dos sinais de identidade de Guláns; San Cibrán.

E xa se sabe, segundo dí o refrán “Año de nieves, año de bienes” , ¡¡¡está ben claro que escomenzamos o ano con bo pe.¡¡¡

Esta tamen é a miña maneira de desexarvos a tódolos gulanseses (e os que non sodes de Guláns,que me consta que algún hai) que este ano que acabamos de estrear se densenvolva como todos vos queredes e que as vosas ilusións se vexan cumpridas.

¡¡¡Saude e sorte para todos vos. ¡¡¡

Garganta profunda