miércoles, 14 de marzo de 2012

EU SON "RURALITA"

Tras o esforzo dun traballo ben feito tombábase baixo a núa figueira e cos ollos pechados sentía, …vaia si sentía.
A pesares de non percibir polo sentido da vista (a Deus grazas, temporalmente e de maneira voluntaria), os demais “órganos” estaban a facer perfectamente o seu labor:
O lonxe escoitábase un tractor, cheiraba a estrume (e digo cheirar en non feder; sempre lle gustou o cheiro do estrume espallado polas nosas leiras, para outros cunha pituitaria mais “fina” aquel cheiro sería fedor). Coa palma das súas mans tocaba o chan e coa xema dos dedos acariñábao como queréndolle facer cóxegas, notábao seco e agretado. Unha gota de suor suicida precipitábase dende a punta do seu nariz ata a base dun inexistente bigote, paseniño e solemnemente facía un pequeno percorrido ata aloxarse na comisura da súa boca. De maneira instintiva a súa lingua, o mesmo tempo que refrescaba os agretados beizos, recollía no seu regazo podendo apreciar o sabor salgado daquela gota de suor froito do seu esforzo……, era un mediodía dun día calquera deste mes de marzo que andamos a vivir.
O sol quentaba. Non era un sol de verán pero tampouco era un sol de marzo. O noso corpo, o noso sentir, a nosa alma, non están acostumados a este sol, este sol non é normal, non debería andar por aquí desa forma tan avasaladora e chulesca. Alguén lle debería por as cousas claras, alguén lle debería dicir que non pinta nada aquí, que non é tempo de pasear e sacar lucir o corpo,…, acaso non sabe que el ( o sol), a igual xeito que os osos, hiberna no inverno e só sae os días de festa para dar unha pequena tregua nos nosos longos e chuviosos invernos. ¡¡Non amoles, que diaños fas aquí¡¡¡.
O seu plácido descanso, de súpeto, foi interrompido por un suave pero molesto formigo. De maneira instintiva e sen abrir os ollos intentaba desfacerse daquela sensación fregando, torpemente, coa man o seu nariz. A sensación non desaparecía, era como cando un quere espallar unha molesta mosca que voa o noso arredor, tercamente sempre volve as andadas. Cando abriu os ollos, intentando averiguar o motivo daquel formigo, mirou os grandes ollos do seu fillo e o seu pracenteiro sorriso. Este, como Quixote esgrimindo a súa espada ou lanza, sostiña na súa man unha desas herbas que lle serven aos mais pequenos para sacalos grilos dos seus tobos. Aquel rapaz apuntaba xeito, ía ser o mais traste do lugar. Foise botando lume deixando ao seu pai en pé e cun sorriso na súa cara.
Aquel xeito de levantarse, xunto co cansazo acumulado polo traballo, fixo que Pedro, que así se chamaba o noso amigo, perdese por momentos o sentido da verticalidade. Unha vez recuperado e poñendo a vista no horizonte, aos seus pés, mostrábase o fértil val de Guláns. Lugar onde, non hai moito tempo, se obtiñan as mellores verduras da zona, que eran a base principal de sustentos das nosas familias.
(………..)
A imaxe que hoxe ofrece o noso val dista moito do que aquí relato. Practicamente ninguén traballa o campo e o estado da abandono das nosas produtivas leiras é patente. Ben certo é que se a nosa xeración ou a dos nosos pais foron deixando o traballo do campo, como única fonte de ingresos, foi por que outras posibilidades foron aparecendo e bendito sexa, aquela vida era moi dura. A posibilidade de traer diñeiro a casa sen “manchar as mans” na terra era mais recoñecida e respectada, incluso facía que un fose, ou parecese, máis capaz. O Guláns do que aquí estou falando é o Guláns de hai 40-50 anos, hoxe todo cambiou (habería que analizar, dependendo en que senso, si para ben ou para mal).
Cecais noutra entrada, deste ata o de agora abandonado blog, falemos do que creemos que se debería facer coas nosas leiras. Ter algo tan produtivo en ese estado de abandono asemella, cando menos, unha temeridade, inda que nisto tería moito que dicir a Administración, hoxe tan ocupada en recortar e recadar.
O rural galego, o noso rural sempre tivo, e en certo xeito ten, un estigma de inferioridade que lle ben herdado dende hai moito tempo, aínda que isto empeza a cambiar. Eu que nacín no rural, crieime no rural e fíxenme home no rural (todo o home que podo ser, xa se sabe: hai homes máis tamén hai homiños) non recoñezo en min ese estigma. É por iso que hoxe, simplemente, quero e, tal e como se di por aí, pondo a Deus por testemuña, declararme ante todos vos RURALITA. Si, así como soa, RURALITA. E dende esta tribuna, que é o blog madialevagulans, quero proporlle as distintas asociacións da parroquia (cecais habería que crear unha que poderíamos chamar “os amigos do rural”; inda que creo que a mais axeitada sería a nosa ben querida Fundación Guláns) unha idea:
Poderíase facer unha tirada de camisetas con un lema, que habería que patentar e rexistrar previamente, para por a venda ou mais ben, xa se sabe que as Fundacións non poden lucrarse, doar a vontade a cambio dunha camiseta. A cor da camiseta debería de ser vermella (xa se sabe, paixón, forza, sentimento,…,) e o lema sería, en maiúsculas e en letras grandes:
“EU SON RURALITA”
Calculando que se podería cambiar unha camiseta por un donativo de 6 euros e, sen estudo previo de mercado, pensando en que habería (polo baixo) 1000 interesados en facer ese donativo a cambio da camiseta obteríamos, como quen non quere a cousa: 6000 € (habería que descontarlle os custos da camiseta mais de estampar o lema).
Cadaquén que o colla como queira, como dicía un amigo meu :
¡¡ A broma ou a carallada ¡¡.
Saúde para todos vos.
Asdo.: Garganta Profunda

4 comentarios:

  1. Que tal? Parece que nos puxemos dacordo para voltar.

    Os da zona, un pouco máis ou un pouco menos, somos todos ruralitas. Pero me parece que o paso que vamos, non tardarás moito en volver a ver ese val de novo traballado, que a xente estase quedando sin nada.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. ¡¡Meu amigo Carlos¡¡, pois si, parece que voltamos as "andadas", era sin tempo.
    Pasareime polo teu blog¡. Gracias

    ResponderEliminar
  3. Gracias enGulans. Alédome que che guste¡

    ResponderEliminar